Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galicia. Mostrar todas las entradas

IMAXINA QUE TE VEXO, QUE ME FALAS - Galicia Terra Nai



IMAXINA QUE TE VEXO, QUE ME FALAS. 
Poema de Carlos Callón.


Imaxina que te vexo, que me falas,
que a amizade retorna
sen medo
ás pequenas traizóns e desamparos.

Que estraña beleza aí,
sen ollarse no espello e verse a caluga.
Sen rostro, en fin,
mais cun sentido.

Como se o berro saíse da gorxa 
e o ouvises desde o tímpano.




Foto © Xoan Piñón

Zugaron o lume da miña vida


"Zugaron o lume da miña vida". Texto de Antón Luaces Teixido.



Chucharon o mel das miñas colmeas: os avós, os pais, os fillos; leváronme a vida: a vaca, as dúas ovellas, as galiñas... 
E deixaron o meu corpo pétreo nun mar dondo e lamaceiro a prol dos intereses alleos.

Agora súan medo as miñas costelas. Esmorezo nas enchentes e revivo na seca. 
Érgome neste infortunio e non vexo a ninguén ao meu arredor. 

Este mundo non é o meu.



Antón Luaces Teixido



Foto © Xoan Piñón
Da coleción : Galicia Terra Nai

A Mirada da Muller Policía (1987)



"A mirada da muller policía"
Texto de Xosé Manuel Pereiro


Nese rostro, que lembro desde hai anos, hai algo máis ca unha persoa. Hai unha traxectoria persoal enteira, da muller que un día entrou no NYPD non se sabe por que razóns, se por idealismo, por tradición ou por saída laboral, e nalgún momento tivo unha familia, amigos, ilusións. Agora, ademais de sobrepeso por xornadas enteiras sentada comendo merda hipercalórica, o pelo como a carqueixa pola falta de coidado e o exceso de fumes, e mesmo quizá proÍdo na pel polo uniforme ou hemorroides polo calor do skai da tapizado do coche, soamente ten o NYPD. A súa casa é o New York City Police Department, e o inimigo e todo aquilo que estea fóra dos límites do coche patrulla. Poucas fronteiras están tan delimitadas como a que determina a mirada da muller policía.

Xosé Manuel Pereiro


Foto © Xoan Piñón 
Imaxe da colección "NY"

Estrada (1993) Galicia Terra Nai.

Estrada (1993) "Galicia Terra Nai."
English version


Texto de Carmen García-Rodeja Arribí


En perspectiva, o horizonte apenas se percibe, borroso e incerto. 

Por tras do muro que sinala as marcas, de novo o precipicio, e unha estrada cara o descoñecido.

Á esquerda ás árbores núas equilibran o conxunto, mentres a néboa tece o seu misterio. 

Na paisaxe pechada a xente recóllese, aniña e soña coas pantasmas, co incógnito, coa morte e o seu aviso, co ouvear do lobo. 

Cara onde este camiño?

Nesta brétema perdéronse hai sesenta anos un grupo de soldados da República.

Tornaban a casa por un vieiro de temor e de soños. 
Enganados, caeron presos.

Os seus corpos repousaron  nunha furada húmida e fría, á beira dunha senda que os levou a ningures.


 Carmen G-Rodeja Arribí




Foto © Xoan Piñón

Juanillo Esteban (2013)

Juanillo Esteban (2013) English version


Este tipo quen cona é? Texto de Javi Camino



Este tipo quen cona é? Semella un émulo daquel inimigo de Batman adicto ás adiviñas... O caso é non deixa de soarme... ¿Non será aquel ionqui de Labañou que cando era cativo mangóume a punta de navalla os 5 pesos que levaba no peto para colle-lo bus? Menudo mono tiña enriba, berraba coma un porco bravo: "¡La pasta o la vida!". Todo un personaxe. Algúns veciños dicían que antes de acabar metido na droga fora actor nunha mítica peli gore dos 90, pero eu creo que o confundían co meu colega Natalio, que ademáis de actor é un recoñecido científico. Un home tan estrafalario que, efectivamente, parece sacado dunha peli de serie Z. Non sei, quizais estou flipando demasiado. O mellor é cantante de orquestra ou un animador de festas e verbenas, vai ti saber... Quizais nin sequera se dedica o espectáculo. Pode que sexa un responsable pai de familia numerosa ou sabe deus... ¿Un antigo cosmonauta? Non teño nin idea. Por sorte, a súa identidade seguirá sendo durante moitos anos un Enigma.



enlaces relacionados :



Foto © Xoan Piñón 2013

Espida baixo a terra

Espida baixo a terra 

TEXTO DE MARÍA JOSE FERNANDEZ LOPEZ

Espida
baixo a terra
que me nutriu,
alí
onde deixei a pel
son
agora
semente
Xermolo
para completar o ciclo


 

María José Fernández López

Fragmento dunha imaxe da colección : "A Horta de Carnati / Alterados" (2006 2007)
www.facebook.com/media/set/?set=a.414762055240569.120743....



Foto © Xoan Piñón

Homenaxe a Alfonso Abelenda (1981)

Homenaxe a Alfonso Abelenda (1981)


COMENTARIO DE TERESA TAXES

"O pintor Alfonso Abelenda lembra aínda con fonda emoción e sincera gratitude a gran homenaxe, coordinada por min, coa que o agasallara o grupo Galga en 1981, no Playa Club de Tomás Pereira, naqueles tempos de cambio da primeira corporación municipal democrática. Unha gran festa multidisciplinaria que unía diferentes xeracións artísticas da Coruña nun ateigado banquete coa presenza de xentes da cultura e da política e con saboroso e colorido postre, un tableau vivant baseado na serie pictórica “España Cañí” de Abelenda."

Teresa Taxes


De esquerda a dereita :

Pepe Galán, Pgbllás, Marina Río, Machaco, Cuta Domínguez, Alfonso Abelenda, Elena Cayón, Concheta Facal, Harry Liaño, María Armesto, Gonzalo Uriarte, Teresa Taxes, ??, Ana Lacasta, María Cabrera, Mon Vasco, Francisco Taxes, Xabier Correa.


Foto © Xoan Piñón

"Âmbito da cerva" (2013)

The doe’s field
English version



"Âmbito da cerva" (Ramiro Torres)
Este é o âmbito da cerva
expandindo o seu corpo
de estrelas incipientes
sobre as vértebras
abismadas, ressoando
no sensível como aves
equinociais a marcar
em nós as suas notas
levitantes, puro cântico
caído sobre os lábios
sem tempo, na sombra
das palavras que ardem
entre a música e nos
olham desde o seu
fértil meio-dia.

Ramiro Torres  Julho de 2013.


Para Susana de Lorenzo e Xoan Piñón.
Poema inspirado no CD de DOA "A fronda dos cervos" 
Imaxe da colección "Dez Outonos no Courel"  (1994-2004) © Xoan Piñón

Guadi Galego (1999)

Guadi Galego (1999)
English versión

TEXTO DE PAZ RAÑA LAMA


“Tiña a mirada máis grande que os ollos”.

 
Foi Iago Martínez quen, no seu libro sobre Lois Pereiro, escribiu unha das locucións que mellor debuxan a arte de pluralizar as emocións,
e velaí temos a mirada de Guadi repetindo a secuencia dos seus acordes que saben, en perfecta aleación, a cantos remotos e a voces contemporáneas: escuma, incandescencia, recendo e… es(tou)pido, por máis que a temperatura de fusión (tamén nas músicas) nunca é única e convén saber a concentración de cada ingrediente para deseñar a fórmula e chegar ao soño de conseguir o metal máis limpo, o ouro puro, que, para o noso gozo, posúe un brillo melancólico e unha alta condutividade.
A súa voz, neste disco cos necesarios Berrogüetto, provoca, como a urticaria, inflamación e comezóns intensas en áreas da nosa pel. Déixome acariñar pola brisa rítmica e sonora que percorre o desexo de expandirse na imparable busca da luz.
Escoito a Guadi e peregrino a pentagramas cuneiformes, a táboas de arxila, a esfinxes, ao teu Alén, e aférrome á teoría de que con ela a música ten a súa orixe no portal dos deuses, moito antes de que Hermes puxera as cordas no caparazón da tartaruga.
Benzón.

P.S. Logo chegou Xabier Díaz e a voz das músicas continuou feliz.

Paz Raña Lama



Foto © Xoan Piñón

Woyzeck "De Berlín a Compostela" (1984)

Woyzeck. Centro Dramático Galego 1984.
Enghish Version


DE BERLÍN A COMPOSTELA, Texto de Manuel Lourenzo,

Con Woyzeck, aquel libriño que viña de Berlín, rústico, barato, dunha plasticidade sen ornatos, experimentei, na súa voz orixinal, aquelas con que Büchner recreara o mundo, e a súa especial maneira de escribir teatro, confiándolle ao texto só as voces das personaxes e os números que encabezan as secuencias. Todo o demáis –a guerra, a fame, a paixón, as crenzas–, todo o que é argumento e argumentación, mora nos diálogos, nunca en explicacións nin didascalias que ben pouco aportarían. De aí que traducir fose un descubrimento e, xa máis tade, ver a peza montada polo C.D.G., –nunha arriscada proposta de Xulio Lago e cun protagonista como Antonio Durán “Morris”, nun Woyzeck alucinado e desgarrado–, unha soberana experiencia.

 Manuel Lourenzo

Na imaxe : Antonio Durán Morris e Xosé Lois González
Centro Dramático Galego

Foto © Xoan Piñón

La arruga es bella? A verza é verde (1986)

Are creases beautiful? Collard greens are green (1986)English version


La arruga es bella? A verza é verde

O peor dos 80 non era, como pensamos agora mirando as nosas fotos daquela, as chaquetas con ombreiras. Era que chaquetas e peiteados eran obras de arte que os clientes portaban despois de pagalas, e que os cortes de pelo e dos traxes eran manifestos creativos.

En LA NAVAL dispuxémonos a dar a nosa particular versión do fenómeno. La arruga es bella? A verza é verde. Baixo o evocador título “Vuelve el grelo”, fixemos unha colección para home e muller baseada no traxe tradicional combinado coa verdura non menos tradicional. Antonio Durán “Morris” e Luisa Veira foron os modelos daquela sesión fotográfica. Esta imaxe revela a frescura de Luisa e da verza en toda a súa plenitude (a da verza foise agostando segundo avanzaba a sesión, ata rematar moi simbolicamente nun grelo murcho que colgaba da indumentaria de Morris).

Ao fondo, disimulado entre o que os nosos clásicos do Século de Ouro chamaban a verdura está o fusil ametrallador que portaba Morris como evidencia de que pastoriles si, pero a modo. 
(A foto foi unha das que usamos para desnortar completamente ao público cultureta no Desembarco de las Fuerzas Atroces del Noroeste na sede da Universidade Internacional Menéndez Pelayo no Palacio de la Magdalena de Santander, no verán de 1986).

Xosé Manuel Pereiro



Foto © Xoan Piñón

Edificio Modernista "protexido"

Edificio modernista "protexido"
English version

Edificio Modernista "protexido" 

 A conservación do Patrimonio Arquitectónico está demostrado que aporta un gran valor engadido a pobos e cidades. A falta de conciencia e respecto cos edificios históricos é evidente; unha nova normativa para protexelos está por facer. 


 Este despropósito de construción na rúa Orillamar da Coruña, na que unha fermosa casa modernista protexida é “integrada” na fachada dunha “mole” sen xeito, foi froito da dura especulación urbanística que sufrimos no barrio durante varios anos. 


 Postformados, patéticas imitacións de galerías e vidros espellados son un exemplo claro do “feísmo” consentido. O grande impacto sobre o chan para facer catro andares soterrados para garaxes, fixeron necesario furar con centos de barrenos unha dura base de granito, as casas colindantes sufriron graves desperfectos … o ruído superou todos os límites permitidos e os veciños saíron á rúa a manifestarse. 


Aínda por riba teño que vela todos os días. 


 Xoan Piñón



Foto © Xoan Piñón

Edificio modernista en Rúa Orillamar (A Coruña)

Edificio Modernista Orillamar

Edificio modernista en Rúa Orillamar (A Coruña) antes ... 

Foto © Xoan Piñón

Antes da gran riada (1992)

Antes da Gran Riada (1992)
Texto orixinal

ANTES DA GRAN RIADA (1992)
Fernando Blanco, arquitecto, escultor e pintor, e Enrique Conde, tamén escultor e pintor, realizarán o vindeiro verán en Santiago de Compostela, unha intervención no  espazo da emblemática Praza da Quintana dos Mortos. A súa proposta: asolagala, cubrila de auga.
Un proxecto que, alén do anecdótico, plantexa unha forma crítica dos espazos públicos e do seu uso, do noso xeito de miralos: esa veneración sacrosanta coa que observamos a praza e que, paradoxalmente, non nos converte nun encordio para turistas armados con cámaras e vídeos, nun desagradable atranco para a correcta e completa admiración do monumento. Esa forma -conservadora e conservacionista- de ver a praza que non fai máis que afastarnos da Quintana mentres nos achega, cada vez máis, aos seus Mortos.
Un soño de góndolas e gamelas é o que nos ofrecen estes dous artistas ao cubrir a pedra - símbolo de esterilidade- cunha capa de auga: fonte da vida,  orixe de todas as cousas.
A súa proposta de intervención na Quintana, co conseguinte peche da praza e a obrigatoriedade de usar roteiros alternativos, obrigará ao camiñante a meditar sobre o espazo que acotío percorre, a ver dende unha nova perspectiva un lugar que, de tan familiar, chega a pasar inadvertido que, de tan respectado, pode resultar odioso; a descubrir, en suma, a debilidade do mito e do tópico do granito en Compostela.
E nesa paisaxe translúcida da Quintana asolagada, da auga inmóbil, refulxente sobre as lousas, a posibilidade de recuperar un espazo como algo que sempre foi de noso e volve aos seus donos nesa ilusión de góndolas e gamelas que Enrique Conde e Fernando Blanco nos propoñen.
Xaquín del Valle-Inclán


Técnica: Collage en papel fotografico de Diapositiva 6x6 Ektachrome 100 EPP con Hasselblad SWC
Foto©Xoan Piñón

Los Doré (1990)

"Los Doré" (1990)
English version

Con vosotras no hay manera.

Imaxe realizada para o vinilo do primeiro traballo discográfico de Los Doré "Con vosotras no hay manera". Este disco foi o primeiro en Galicia financiado polos seareiros, adiantándose nunha década ao que hoxe se coñece como "crownfunding" e marcou o comezo dunha longa andaina do grupo. No río Mero (Cambre, A Coruña) e con moita ironía nunha "góndola" de cartón termada aos fondos do río Mero por dous cabaletes Los Doré (Marcos Meléndrez e Pepe Méndez) agasallan á rapaza (Carmen López) cunha romántica e surrealista viaxe veneciana … con vosotras no hay manera!

O aparello, fondeado durante toda a noite, estase desfacendo e quédanlle un par de horas; Carmen, Marcos e Pepe -remangados polo río- soben á góndola con todo o atrezzo, sabendo que aquilo vaise ir a pique. Hai que vestirse axiña, pórse en situación … todo é frenético pero eles interpretan o momento á perfección entre risas e présas …
A produción, atrezzo e estilismo foron realizados por Alfonso deLonghi e Óscar Vázquez cos que traballei en numerosas e imaxinativas ocasións.

 Entrevista en La Voz de Galicia a Marcos Meléndrez

foto © Xoan Piñón

Filloa Express (1980)


De esquerda a dereita : abaixo, tomando o bocata, Suso "El Chapas", enriba o grupo Filloa Express con Daniel Val (baixo), Fito Ares (flauta), Antonio Ferreiro (saxo), Antonio Constenla (batería), Willy Prieto (trompeta) e Manuel Varela (teclados). O grupo Filloa Express, comeza a finais dos anos setenta e, ata hoxe, foi variando as súas formacións musicais desde trío a big band. A actuación perto da Torre de Hércules estaba organizada polo primeiro goberno democrático do Concello de A Coruña e, co vento de aliado, respírase a ilusión dun gran movemento cultural que comezaría a espertar.

Strazz (2002)



Fíxenlle ao grupo Strazz esta sesión no plató despois de que Alexandra Fenández traballara duramente no decorado de "motel de estrada" para crear un ambiente excitante nunha suposta parada do grupo en plena xira. É un traballo do que me acho moi satisfeito porque a atmosfera creo que se conseguiu plenamente. Podedes ver máis fotos aquí

Técnica
Luz: Catro flashes de estudio alimentados xeneradores Broncolor
Balance de brancos a ton cálido (3.200 ºK)
Exposición de tres segundos para facer visible a luz das lampariñas.
Cámara : Hasselblad SWC
Película : Diapositiva Kodak Ektachrome 100 Plus dixitalizada para postprodución CMYK en ordenador

Grupo Malvís (1978)


De esquerda a dereita: Enrique F. Ferreira, Bernardo Martínez, Miro Casabella, Xoan Piñón e Xosé Quintas Canella.

Para seguir coa presentación, un pouco de historia .... Na fotografía do ano 1978 o "Grupo Malvís" nunha xuntanza de traballo onde se proxectaban e discutían iniciativas do ámbito musical, plástico e literario. Xosé Quintas Canella gravaría "Porque no mundo mengou a verdade" en 1978 , Miro Casabella procedente de "Voces Ceibes", incorporaríase aos membros de DOA, Quique, Bernardo e mais eu, para gravar o LP "O son da estrela escura" en 1979, a formación para a gravación de DOA quedaría pechada co gaiteiro Xaquín Blanco e o violinista Pedro Puértolas.