Avoas (1983)

María Freire Otero (Cela Irixoa) 3.7.1897 / 21.5.1996 e María Antonia Sueiras Vilaboy (As Somozas) 18.3.1893 / 19.8.1985


Comentario de Lola Ferreiro. English version

"Para min é un privilexio comentar unha foto de Xoan Piñón, e máis aínda tratándose dunha foto das súas avoas, nada menos!. Por seren mulleres venerábeis, por ser sabias e, nomeadamente, por ser avoas (co que a min me gustou sempre esta figura) dun amigo tan entrañábel.

Se tivese que dicir o que me transmite esta foto, nunha soa palabra, eu diría que AUTORIDADE. Así, en maiúsculas... e desde a primeira ollada. As avoas de Xampi tiñan autoridade persoal, non me colle dúbida ningunha. A cabeza ergueita de dignidade, mirando á fronte... ollando agarimosamente ao fotógrafo (máis que ao obxectivo da cámara), con ese ollar sereo e sabio das avoas galegas, matriarcas de prestixio máis que de poder... porque o matriarcado, en palabras de Buffie Johnson é, máis ca un xeito de goberno ou de poder, unha valoración familiar, social e cultural; un gran prestixio arrebatado e destruído polo patriarcado.

Son os ollos das avoas, o seu mirar desde a serenidade, desde a sabedoría e desde a dignidade, o máis impresionante da foto. Os da avoa María Antonia, chispean aínda parcialmente tapados polos lentes. Os da avoa María mírannos desde a vida, desde a súa experiencia. Ambas as dúas coa faccións de sobreviventes, de mulleres que pelexaron, de mulleres fortes... e aí están, como querendo que aprendamos as leccións da vida, das súas vidas, que eu, persoalmente, gostaría moitísimo de aprender.

Canto máis as miro, máis AUTORIDADE me transmiten... esa autoridade que as mulleres temos pendente de recuperar, para que presida, como trazo fundamental, o modelo de poder “en feminino”... que, por outra parte, temos pendente de construír... e que de seguro será máis igualitario, máis democrático e máis doado de desenvolver có que secularmente nos impuxo e nos impón o patriarcado". Lola Ferreiro.

http://www.citariodemujeres.com/
http://www.mujeresenred.net/spip.php?rubrique97

Comentario de Mercedes R. Bolaño

Eran carballos na terra, penedos. Non tiveron tempo para a maldade.
Malia todo a vellez, a morte. Non sabían que a vida ía en serio cando elas quixeron bebela toda dun grolo.
Daquela a vellez era tan só unha parte do escenario.
Logo o tempo foi a auga que leva o río, convertindo o escenario en argumento.





1 comentario:

Anónimo dijo...

- a claríssima-sombra-memória-do-mundo, nas linhas da fronte

Luci Lu