Mostrando entradas con la etiqueta fotografía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta fotografía. Mostrar todas las entradas

IMAXINA QUE TE VEXO, QUE ME FALAS - Galicia Terra Nai



IMAXINA QUE TE VEXO, QUE ME FALAS. 
Poema de Carlos Callón.


Imaxina que te vexo, que me falas,
que a amizade retorna
sen medo
ás pequenas traizóns e desamparos.

Que estraña beleza aí,
sen ollarse no espello e verse a caluga.
Sen rostro, en fin,
mais cun sentido.

Como se o berro saíse da gorxa 
e o ouvises desde o tímpano.




Foto © Xoan Piñón

Zugaron o lume da miña vida


"Zugaron o lume da miña vida". Texto de Antón Luaces Teixido.



Chucharon o mel das miñas colmeas: os avós, os pais, os fillos; leváronme a vida: a vaca, as dúas ovellas, as galiñas... 
E deixaron o meu corpo pétreo nun mar dondo e lamaceiro a prol dos intereses alleos.

Agora súan medo as miñas costelas. Esmorezo nas enchentes e revivo na seca. 
Érgome neste infortunio e non vexo a ninguén ao meu arredor. 

Este mundo non é o meu.



Antón Luaces Teixido



Foto © Xoan Piñón
Da coleción : Galicia Terra Nai

Estrada (1993) Galicia Terra Nai.

Estrada (1993) "Galicia Terra Nai."
English version


Texto de Carmen García-Rodeja Arribí


En perspectiva, o horizonte apenas se percibe, borroso e incerto. 

Por tras do muro que sinala as marcas, de novo o precipicio, e unha estrada cara o descoñecido.

Á esquerda ás árbores núas equilibran o conxunto, mentres a néboa tece o seu misterio. 

Na paisaxe pechada a xente recóllese, aniña e soña coas pantasmas, co incógnito, coa morte e o seu aviso, co ouvear do lobo. 

Cara onde este camiño?

Nesta brétema perdéronse hai sesenta anos un grupo de soldados da República.

Tornaban a casa por un vieiro de temor e de soños. 
Enganados, caeron presos.

Os seus corpos repousaron  nunha furada húmida e fría, á beira dunha senda que os levou a ningures.


 Carmen G-Rodeja Arribí




Foto © Xoan Piñón

Guadi Galego (1999)

Guadi Galego (1999)
English versión

TEXTO DE PAZ RAÑA LAMA


“Tiña a mirada máis grande que os ollos”.

 
Foi Iago Martínez quen, no seu libro sobre Lois Pereiro, escribiu unha das locucións que mellor debuxan a arte de pluralizar as emocións,
e velaí temos a mirada de Guadi repetindo a secuencia dos seus acordes que saben, en perfecta aleación, a cantos remotos e a voces contemporáneas: escuma, incandescencia, recendo e… es(tou)pido, por máis que a temperatura de fusión (tamén nas músicas) nunca é única e convén saber a concentración de cada ingrediente para deseñar a fórmula e chegar ao soño de conseguir o metal máis limpo, o ouro puro, que, para o noso gozo, posúe un brillo melancólico e unha alta condutividade.
A súa voz, neste disco cos necesarios Berrogüetto, provoca, como a urticaria, inflamación e comezóns intensas en áreas da nosa pel. Déixome acariñar pola brisa rítmica e sonora que percorre o desexo de expandirse na imparable busca da luz.
Escoito a Guadi e peregrino a pentagramas cuneiformes, a táboas de arxila, a esfinxes, ao teu Alén, e aférrome á teoría de que con ela a música ten a súa orixe no portal dos deuses, moito antes de que Hermes puxera as cordas no caparazón da tartaruga.
Benzón.

P.S. Logo chegou Xabier Díaz e a voz das músicas continuou feliz.

Paz Raña Lama



Foto © Xoan Piñón