Emilio Cao - Fonte do Araño (1977)




Formación do disco Fonte do Araño de Emilio Cao no estudo de gravación Audiofilm (Madrid). De esquerda a dereita: Xoan Piñón, Emilio Cao, Xosé V. Ferreirós, Bernardo Martínez e Antón Seoane.

A maqueta do disco de
Emilio Cao "Fonte do Araño" xestouse en Foz (Lugo) entre Emilio Cao (voz, arpa e cítola), Bernardo Martínez (frauta) e mais eu (guitarra eléctrica), cun magnetofón Grundig TK847. Empregámonos a fondo durante días para conseguir as dez pezas que a compañía discográfica Novola escoitaría e posteriormente aceptaría para gravar en vinilo.

Previo ensaio en Mondariz (Pontevedra) con Xosé V. Ferreirós (gaita e percusión) do grupo
Faiscas do Xiabre e Antón Seoane (zanfona e xilófono) que facía dúo neste tempo con Rodrigo Romaní, desprazámonos a Madrid e os días 18, 19 e 20 de abril do 77 nos estudos Audiofilm, quedaría rexistrado o disco. O destino e a intuición de Emilio quixeron xuntar unha liña que procedía do pop-rock e a música improvisada (Bernardo e Xoan), con outra mais perto da música tradicional (Ferreirós e Seoane) facendo unha fusión que resultou anovadora, enchendo o baleiro que existía, e tamén unha necesidade que tiñamos todos de facer algo distinto na música galega. A intervención de Nonito Pereira (produtor) sería fundamental neste feito.

As pezas populares "Pandeirada de Nebra", "Arrieiros de Moraña" e o "Romance de Bernardiño e Sabeliña" serían aportadas, adaptadas e arranxadas por Bernardo Martínez; Emilio tiña compostos temas propios como "Fonte do Araño", "Na noite de San Xoan", "Chegando ao Caurel", "No campo da festa", "Mentras ela fía" e "Baixaron as Fadiñas". Eu traballei particularmente na harmonización e nas voces desta última peza e nas adaptacións das outras. Para rematar, o tema psicoatlántico "E as gaivotas sobor de nós" foi o resultado dunha improvisación no estudo de gravación Audiofilm entre os tres de Foz.

En xeral, todos participabamos nos arranxos e discutiamos o máis axeitado para cada tema, dado que traballabamos con xenerosidade e sen límite de tempo. Respecto ás adaptacións aos instrumentos, cadaquén facía os seus. A conxunción que se produce en Fonte do Araño sería o inicio nos vindeiros anos de grupos como
Milladoiro, DOA e marcaría o futuro de Emilio Cao como autor.

3 comentarios:

Celtic Sprite dijo...

Moi fermoso post para un album sin par. Todos os que levamos o amor pola harpa celtica e a Galiza no cor, levamos tamén este traballo emblemático. Eu, arpista e celtista, fillo de galegos, alén do arco Atlántico, levo a voz n'un canto bardico: Emilio Cao - é "O" Harpista Galego!
Esprito Celtigo
http://branawen.blogspot.com

Anónimo dijo...

Coñecin moito ao rapaz da esquerda, ja, ja. Pasaron 37 anos, case nada. Foron tempos moi bos que non esquecerei.

Anónimo dijo...

moitas, moitísimas grazas por as aclaracións da procedencia dos temas !