Edificio modernista en Rúa Orillamar (A Coruña)

Edificio Modernista Orillamar

Edificio modernista en Rúa Orillamar (A Coruña) antes ... 

Foto © Xoan Piñón

Antes da gran riada (1992)

Antes da Gran Riada (1992)
Texto orixinal

ANTES DA GRAN RIADA (1992)
Fernando Blanco, arquitecto, escultor e pintor, e Enrique Conde, tamén escultor e pintor, realizarán o vindeiro verán en Santiago de Compostela, unha intervención no  espazo da emblemática Praza da Quintana dos Mortos. A súa proposta: asolagala, cubrila de auga.
Un proxecto que, alén do anecdótico, plantexa unha forma crítica dos espazos públicos e do seu uso, do noso xeito de miralos: esa veneración sacrosanta coa que observamos a praza e que, paradoxalmente, non nos converte nun encordio para turistas armados con cámaras e vídeos, nun desagradable atranco para a correcta e completa admiración do monumento. Esa forma -conservadora e conservacionista- de ver a praza que non fai máis que afastarnos da Quintana mentres nos achega, cada vez máis, aos seus Mortos.
Un soño de góndolas e gamelas é o que nos ofrecen estes dous artistas ao cubrir a pedra - símbolo de esterilidade- cunha capa de auga: fonte da vida,  orixe de todas as cousas.
A súa proposta de intervención na Quintana, co conseguinte peche da praza e a obrigatoriedade de usar roteiros alternativos, obrigará ao camiñante a meditar sobre o espazo que acotío percorre, a ver dende unha nova perspectiva un lugar que, de tan familiar, chega a pasar inadvertido que, de tan respectado, pode resultar odioso; a descubrir, en suma, a debilidade do mito e do tópico do granito en Compostela.
E nesa paisaxe translúcida da Quintana asolagada, da auga inmóbil, refulxente sobre as lousas, a posibilidade de recuperar un espazo como algo que sempre foi de noso e volve aos seus donos nesa ilusión de góndolas e gamelas que Enrique Conde e Fernando Blanco nos propoñen.
Xaquín del Valle-Inclán


Técnica: Collage en papel fotografico de Diapositiva 6x6 Ektachrome 100 EPP con Hasselblad SWC
Foto©Xoan Piñón

Los Doré (1990)

"Los Doré" (1990)
English version

Con vosotras no hay manera.

Imaxe realizada para o vinilo do primeiro traballo discográfico de Los Doré "Con vosotras no hay manera". Este disco foi o primeiro en Galicia financiado polos seareiros, adiantándose nunha década ao que hoxe se coñece como "crownfunding" e marcou o comezo dunha longa andaina do grupo. No río Mero (Cambre, A Coruña) e con moita ironía nunha "góndola" de cartón termada aos fondos do río Mero por dous cabaletes Los Doré (Marcos Meléndrez e Pepe Méndez) agasallan á rapaza (Carmen López) cunha romántica e surrealista viaxe veneciana … con vosotras no hay manera!

O aparello, fondeado durante toda a noite, estase desfacendo e quédanlle un par de horas; Carmen, Marcos e Pepe -remangados polo río- soben á góndola con todo o atrezzo, sabendo que aquilo vaise ir a pique. Hai que vestirse axiña, pórse en situación … todo é frenético pero eles interpretan o momento á perfección entre risas e présas …
A produción, atrezzo e estilismo foron realizados por Alfonso deLonghi e Óscar Vázquez cos que traballei en numerosas e imaxinativas ocasións.

 Entrevista en La Voz de Galicia a Marcos Meléndrez

foto © Xoan Piñón

De ida e volta (1993)

De ida e volta (1993)English version

-->
De ida e volta.

Texto de Antón Luaces Teixido

A vía de ferro ten para os galegos dous viais: un de ida e outro de volta. É así como un se vai para sempre voltar. Vivo ou morto, mais sempre chegar ao acougo que o degoiro alonxa e achega. O corpo vai, o espírito queda. Cada un no seu carril, pola súa man, abeirando o que é de seu. O retorno permanente, maino, silandeiro, para anainar o que se deixou e deixar que as avelaíñas do solpor guíen no camiño de volta. Nunca hai un adeus, senon un ata logo.

Antón Luaces Teixido


Imaxe da colección "Galicia Terra Nai" (1993) "Neno ensartado"
Foto © Xoan Piñón 

"A Utopía como soño de vida"

A utopía como soño de vida (2003) "A Paisaxe humana"
English version


"A Utopía como soño de vida
por Mercedes Rodríguez Bolaño

O caravel que botou súa nai nun caldeiro vello, nunca esqueceu o que ela xamais aprendeu na escola, e sempre a recorda en cada ortiga

Pasionario da alegría, bótalle un baile cando berra a utopía como soño de vida e, coa parte máis humilde do seu corpo érguese a provocar a emoción nos ollos que nos miran

Na Terra que non foi e que ha de ser precisamos aínda poñer ben alto os escenarios.

Mercedes Rodríguez Bolaño



Foto © Xoan Piñón
da colección "A Paisaxe Humana"
http://www.xoanpinon.blogspot.com/2009/07/festival-de-ortigueira-2003.html

Dende os límites do cantil (2011)

DENDE OS LÍMITES DO CANTIL (2011)
-->
"DENDE OS LÍMITES DO CANTIL"
Texto de MONTSE COLLAZO

Nas tórridas tardes de finais do verán só as moscas se atreven a voar.
Baixo un ceo xusticieiro que se entrega xeneroso e despiadado, os homes -nun instinto primitivo- amoréanse baixo a única sombra natural que se atopa en toda a contorna.
-Que motivo pode facer que tanta xente busque protección no contacto físico cos outros?
-Que primitiva pulsión nos fai buscar o arroupo dos alleos?
-Que medo ao baleiro nos convida a refuxiarnos no anonimato dos demais?
Só a proximidade da morte e o terror a que nos atope sós e nus nos convida a ocultarnos nos máis próximos.
Será que nós, afeitos a chuvias e ventos, sentimos a calor como agoiro de traxedia?
Ninguén ten azos suficientes para darlle o derradeiro adeus a aquel que xa non ten vontade nin de decidir onde quere que repouse a súa alma, que xa non pode parar esa ladaíña na que derivou o "Blowing in the wind" de Dylan e que unha voz anónima e baleira de toda transcendencia canta alienando a súa primixenia intención revolucionaria.
E o aire vaise virando máis e máis sufocante nesta última tarde do verán.




Foto © Xoan Piñón

Antonio Sobrino Añón (1988). Taller de Alfarería Aparicio. Buño.

Antonio Sobrino Añón (1988). Taller de Alfarería Aparicio. Buño.

Mente, corpo, materia, obxecto

Nin é un persoeiro, nin alguén famoso. Trátase sinxelamente da instantánea dun vello oleiro de Buño (Malpica de Bergantiños, A Coruña), un dos escasos enclaves artesáns que aínda sobreviven na Galiza, cun fío suxeito entre ambas as dúas mans remata con agarimo a peza sobre o torno, decorada xa con inequívoca tenrura.

Publicada en 1988 no número 0 de Artesán, revista editada pola Asociación Galega de Artesáns, esta imaxe reflicte a sutileza, o bo facer, a coincidencia entre corpo e mente, e ese sosego do artífice a propósito da rutina, ó que alude o sociólogo norteamericano Richard Sennett en O artesán.

A artesanía como actividade fundaméntase na habilidade, o xuízo, o compromiso e a experiencia. Aspectos que precisan tempo..., e un diálogo permanente cos distintos materiais e cos problemas e resistencias que eventualmente presente cada un deles. Sennett promove así a noción de disciplina, “non como algo imposto, senón como un símbolo que representa a forza psicolóxica que hai que ter para sobrevivir e que cristaliza no hábito e, polo tanto, na rutina”. Un termo que pode ser ¡vivo e rico, e non necesariamente pobre e aburrido como se pensa a miúdo! O concepto de oficio convértese así en algo que é necesario dominar para crer e respectarse a un mesmo.

O certo é que ao pouco que o observador enfoque a súa retina sobre a panca formada polas mans deste protagonista anónimo, o seu fío e a propia peza, mesmo poderá vela xirar paseniño, lenta, moi lentamente...; aínda que, cada vez, máis e máis rotunda, facendo bo o aserto de Sennett: “a artesanía responde a un impulso ético de facer ben as cousas que se consideran importantes...”.

Vontade intelixente, mans, ferramentas e a propia peza fúndense nese preciso instante, formando de feito unha soa entidade dificilmente disociable. Consecuentemente, o resultado só podería ser un obxecto sen dúbida xenuíno, aínda que froito de todo un acervo ancestral e dunha longa serie de reconfortantes rutinas...


Miguel Bertojo


Enlaces relacionados



Foto © Xoan Piñón

Campo Lameiro, petroglifo "Laxe dos Carballos" (2010)

Campo Lameiro. Petroglifo "Laxe dos Carballos" 2010
--> English version

TEXTO DE FIDEL MÉNDEZ FERNÁNDEZ

Por que se mata o que se admira?

A destrución é unha posesión absurda. Posesión non é admiración. Eliminar non é superar.
Ora ben, todos os anteriores mecanismos están presentes na lóxica do cazador, na do guerreiro, ambas as dúas en masculino e singular.
O recoñecemento social da individualidade persoal, tan querida para a nosa cultura occidental -condición de posibilidade da liberdade- xorde nos inicios da Idade do Bronce como vindicación doutros valores quizais non tan asumibles hoxe en día como primordiais, nin sequera como positivos: o guerreiro, o macho, o cazador. Os tres arquetipos atópanse representados no cervo da Laxe dos Carballos: os dous primeiros no propio animal e o terceiro nas xavelinas que aparecen cravadas no seu lombo. Os tres iranse fundindo co tempo no guerreiro, némese do cazador que alcanzará a súa apoteose no Bronce Final.

Que traxedia a das sociedades humanas! case sempre foxen do pote para caer no lume.

Co inicio do neolítico comezouse a produción de alimentos que, alén do seu inicio circunstancial cunha posible crise alimentaria ou un aumento demográfico propiciado por causas climáticas, buscou -sen dúbida- un maior grao de autonomía para o grupo social que naquel momento o era todo; como o "terceiro estado" para o abate Sieyès, pero de verdade. É certo que conseguiron maior grao de autonomía sobre outros grupos sociais, mais ao comezar a sedentarizarse -o cultivo así o esixe- converteron os recursos que antes eran ilimitados en algo finito, porque por natureza o territorio debe ser controlado. Vívese da natureza -nela- pero o territorio ten que ser posuído para selo. Así -ao final desta etapa- uns grupos comezaron a competir con outros, coa inevitable imposición duns e submisión ou absorción doutros.

 A volta de rosca conseguinte para lograr outra vez maior autonomía para cada grupo local fíxose posible de novo grazas a unha revolución tecnolóxica nos albores da Idade do Bronce que estivo baseada en boa medida no desenvolvemento de novos oficios artesanais que posibilitaron a explotación de produtos distintos da carne na gandeiría, e do gran na agricultura. Neste momento empézase a usar un arado lixeiro que non permite facer rego, pero si romper o terrón. Presumiblemente comézanse a empregar primitivas técnicas de estercado e unha sorte de rotación de cultivos consistente na xestión consciente das zonas de barbeito longo dentro do territorio dominado polo grupo. A maior investimento de traballo, maior dependencia do seu rendemento e -por conseguinte- dos medios de produción e da infraestrutura; enténdase territorio e gando, que xa non só rende carne, senón tamén tiro, leite, coiro, e outras materias primas para a elaboración de produtos derivados.

 Esta tecnoloxía veu acompañada -ou viuse favorecida- pola ideoloxía do guerreiro-cazador, que cadraba admirablemente coa delimitación e defensa do territorio. A rápida expansión da ideoloxía atopou un aliado na presenza nas súas canles de difusión de bebidas alcohólicas e quizais outras substancias psicoactivas que poden estar na orixe da realización de gravados como a Laxe dos Carballos.
Outra vez gañouse en autonomía e liberdade do grupo, mais as diferenzas internas que se crearon derivarían ao paso do tempo no establecemento das clases sociais. Antes os outros estaban fóra do grupo, agora están na casa. Co xurdimento da individualidade esnaquizouse a verdadeira solidariedade. Antano non existían estratexias de poder dentro do grupo, agora é o seu hábitat natural.

Que marabilla as sociedades humanas! A pesar de atoparse atenazadas por ideoloxías non precisamente sublimes, son quen de intentar sempre (outra vez) ser máis libres e -ao tempo- legarnos obras tan admirables e fascinantes como este cervo; metáfora delas mesmas: sorrinte e mortalmente ferido.

Fidel Méndez Fernández


Enlaces relacionados:
Foto © Xoan Piñón
Realizada para Centro de Interpretación e Documentación da Arte Rupestre de Campo Lameiro

Escaino (1980)


Escaino (1980)

Grupo musical "Escaino" en 1980

Fai uns días apareceume no arquivo esta foto do grupo musical "Escaino", penso que a imaxe fala por si mesma ...
De esquerda a dereita : Luisa Villalta (violín), Juan Fernán Bello (percusión), Paulino Pereiro (frauta traveseira) e Luis Pereiro (clarinete).



Foto © Xoan Piñón

"A Fronda dos Cervos" DOA (2011)

"A Fronda dos Cervos" DOA (2011)



Texto de Eva Veiga. 
Limiar de "A Fronda dos Cervos" (2011). DOA (FOL MUSICA).

Vén o cervo guiando a luz dende oriente até o fin da terra, alí onde o sol se funde por amor no mar. Vén a luz perfilar o pórtico glorioso baixo do que soan as secretas fontes, e mesmo trazar a ponte en arco de medio punto que se fai eco da cantiga. 
Vén o cervo-luz renacer no ritmo que anovado agroma do seu propio rastro.
Vén do silencio o son que florea na lira arbórea do corazón. 
Lírica Rosa na  que o orballo deita a súa escura claridade. 
Rosa que fai brisa e foxe a prol do vento. 
Cerva corría que non sabía dos cavorcos, altas herbas medrábanlle entre os peitos de impaciencia; meteoros, retrincos do ceo vestíanlle as coxas e aínda a alma que verdeaba; auga espida nos seus ollos, de lirios chea a súa ollada, cerva corría que non sabía dos cavorcos.
Ten sede o cervo e bebe mal de amor. Ferida que non cura. 
Na boca, unha herbiña dourada.
Na fronda dos cervos, os druídas conxuran a melancolía coa maxia das flores.
Todo danza en misteriosa harmonía.
O Maroot xace morto e envolto pola pel do cervo.
Un aire temperado. Unha corda que sostén o alento. Unha vibración eléctrica. 
Un brillo de metais. A raíz que percute contra o tempo.
Cómo chamar a iso que sustancia esta música, iso que con ela trae e con ela de nós leva, algo  inapreixable, mais que nos apalpa  e xa nunca igual se toca?
Será a Ausencia que escintila? Será o Mar? Alto mar do mar levado.

Eva Veiga



O Penedo "Cabeza de Serro" e a súa aba "Teso de María Galega", está no borde da Devesa da Rogueira; é unha xigantesca vieira verde (Circo glaciar), que se localiza entre Moreda Parada e Visuña -na serra de "O Courel"-.
A imaxe -que acompaña o poema de Eva Veiga- pertence a colección "Dez outonos no Courel" e abre o libreto do disco de DOA "A Fronda dos Cervos". Contén tamén un estudo crítico-literario das cantigas galego-portuguesas realizado por Federico Pérez.

© Foto Xoan Piñón

                                                                                       

Marisa Paredes (1989)

Marisa Paredes (1989)

A finais dos sesenta -sendo eu aínda un rapaz- lembro ver no "Estudio 1" de TVE a Marisa Paredes ... Ben, non era tan neno porque xa me resultaba unha muller extraordinariamente atractiva.
Marisa era naquel momento unha actriz especial; co seu pelo loiro (gris na TV en B/N) interpretando maxistralmente a Chejov, Lope de Vega, Miller, Shakespeare ou calquera outro papel. Un luxo naqueles escuros tempos.

Vinte anos despois, tiven a sorte de coñecela na película "Continental" dirixida en 1989 por Xavier Villaverde. Con Pedro Almodóvar en 1991 obtivo o seu recoñecemento internacional.

María Luisa Paredes Bartolomé: unha grande actriz e unha muller íntegra e comprometida.
Grazas !



Foto © Xoan Piñón

Judit Mascó (1995)

Judit Mascó (1995)

English version

Esta fotografía que tiven a honra de facerlle a Judit Mascó en 1995, podería dicir que cambiou a miña traxectoria profesional. Realizada para a empresa téxtil Caramelo, recibiu o premio LUX de Prata pola AFPPMC.


Para min ten un valor especial porque é froito dun xeito de traballar que viña cultivando dende os meus comezos. Sen entrar en detalles, a imaxe é o resultado do -agora chamado- "proceso cruzado": unha diapositiva revelada coma un negativo.

Convivir coa experimentación é algo imprescindíbel. Podes adormecer repetindo e repetindo o que unha vez foi ben ...






Foto © Xoan Piñón

Monte Louro (2010)

Monte Louro
English version

Estaba no Monte Dordo -en Porto do Son- esperando que o Sol iluminara o petroglifo "Pozos da Garda" cando apareceu este horizonte impresionante co Monte Louro coroado polas nubes ...

Xoan Piñón


TEXTO DE RAÚL REGUERA


MONTE LOURO

Gústanos contemplar as postas de sol porque damos por feito que volverá amencer
Unha vez houbo unha primeira vez
Un ser con certa actividade biolóxica consciente presenciou este horizonte por primeira vez aquela tarde e soubo da desaparición da luz sen saber de órbitas e xiros, soles e galaxias
E soubo da negrura da noite do fin do mundo que habitaba
E soubo da finitud e do medo
Unha vez aquel que estaba só confundiu a vertixe aloxada nas súas entrañas co bramido dental do mar e das ondas
E cando o último resplandor ígneo se esvaeceu solucionado na auga do mar sentiu frío, moito frío
Aquela primeira vez de espanto envolvido na negrura da noite do fin do tempo que habitaba iniciouse para aquel ser con certa actividade biolóxica consciente a aventura de saber, o experimento de palpar ás escuras e recoñecer o seu corpo ás cegas
E imaxinou estrelas
E cando se masturbou deixou que escorrese sobre a rocha a semente
Que emitiu un fulgor
Brillou unha hélice de luz e amenceu

Raúl Reguera





Monte Louro Wikipedia

Foto © Xoan Piñón



Andante (2010)

"Andante"

English version
Xoves, 9 de Xuño as 20 horas, inaugúrase no MACUF de A Coruña a exposición "Andante" con 182 creaciones de 182 autores cun denominador común: a horma dun zapato. Coleción de Ramón Álvarez.
Imaxe da exposición colectiva "Andante". Unha morea de autores interpretamos e intervimos sobre as hormas ...


máis información en:
http://www.elcorreogallego.es/santiago/ecg/hormas-convertidas-arte/idEdicion-2010-12-12/idNoticia-619968/

Foto © Xoan Piñón

A resposta da terra "A Horta de Carnati"

"A resposta da terra" A Horta de Carnati.
English version

Texto de Ánxel Vázquez de la Cruz


A RESPOSTA DA TERRA


Primeiro foi a terra:
A súa oferta de penumbra,
humidade e silencio.


Acolleu un día a semente:
a vida toda en dúas espirais que se abrazan,
precarias reservas para a azarosa espera.


E despois de chuvias,
soles, orballos…
a silandeira exhalación da terra:
esa simetría de cor e paz.


O poeta gardou a súa melodía fluvial.


E, despois, díxolle á terra:
- Non o merecemos ¡ Non merecemos isto !


E oíu o silencio da terra:
- Tes razón: xa o sei; pero é a miña forma de ser.




Ánxel Vázquez de la Cruz


Publicación "Luz de Tebra"
http://www.lavozdegalicia.es/vigo/2010/10/06/0003_8766436.htm
http://www.laopinioncoruna.es/cultura/2010/08/03/angel-vazquez-cruz-apetecia-reivindicar-gallego-ahora-corren-buenos-tiempos/407665.html


A Horta de Carnati 01
A Horta de Carnati 02


Foto © Xoan Piñón

María Rivas (1978) "O sorriso da moza anarquista"

Maria Rivas (1978)

"O sorriso da moza anarquista". Texto de Manuel Rivas.
EL PAIS. Luces. Galicia. STORYBOARD. Capítulo XVI e derradeiro. Fragmento.


... Para María sempre foi importante, dende moi nova, gañarse a vida cos seus medios. Tamén dende mociña, estando en bacharelato, comprometeuse na resistencia contra a ditadura. Andou activa, moi comprometida, en grupos clandestinos de esquerda, como Bandeira Vermella. Até que entendeu que a idea de cambiar o mundo ía da man dun novo xeito de vida. E ela viviuno como anarquista. Marchou a estudar Filoloxía en Santiago, á procura sempre de traballos para manterse. Non se lle caían os aneis. Tiña moita querenza polos traballos artesanais. Facía a súa propia roupa, os seus móbeis. Arranxaba as avarías alí onde vivía. Tivo os primeiros libros que vin de agricultura biolóxica e ecoloxía. En librarías de vello, atopaba as cousas máis avanzadas: de Proudhon e Kropotkin á Internacional Situacionista. Alimentábase como a arcea, a sentinela do bosque: fíxose vexetariana. Dicía en broma: "Anarquista? O difícil que iso é!".


A súa outra paixón eran as palabras. A vida das palabras. A súas re-existencias. Andaba á procura delas, como de nena buscaba as xoaniñas da sorte ou os vagalumes na noite dos valados de Castro. Levaba palabras nos petos. En papeliños espallados como follas de outono polas casas. En cadernos que ela mesmo encadernaba. E se non tiña onde nese intre, facían de pergameo as palmas das mans, os brazos, a pel ...


Ver texto completo en:


http://www.elpais.com/articulo/Galicia/sorriso/da/moza/anarquista/elpepuespgal/20101105elpgal_19/Tes
http://www.scribd.com/doc/41587523/O-sorriso-da-moza-anarquista


Foto © Xoan Piñón

A Terra Silenciada. Galicia Terra Nai (1993)

A Terra Silenciada (1993)

A TERRA SILENCIADA

Comentario de Mercedes Rodríguez Bolaño

A Nosa Terra non é nosa, é servidume de paso  o que nos deixa, para contar unha a unha, as follas que pisamos no camiño.
Alguén mandou calar o son da Terra e declaroulle a guerra a toda ela
Somos nós o que atopamos, debaixo das pegadas contra dela.
Nesta guerra silenciada, veñen baixas en cantares e praceres, na beleza que algún día nos axudou a vivir e que por forza habería de axudarnos a morrer.
Para que cante outra vez a primavera, haberá que por fin a este combate contra todos os ruídos que se moven; porque cada ruído ten un nome, cada nome un lugar, un labor preciso e necesario.

Haberá que convocar desde todos os outeiros

Un balbordo total contra o silencio.

Mercedes Rodríguez Bolaño



Ver Galerías 

Foto © Xoan Piñón

Si te animas a viaxala. "A Horta de Carnati" (2007)

A Horta de Carnati (2007)


COMENTARIO DE MÓNICA SABBATIELLO

Se te animas a viaxala…

Para achegarme á súa atmosfera baixo as luces, até ter a pel ennegrecida.
E coa mente baldeira, adiviñala.
Todos os seus termos asociados son eróticos. Escuros e incitantes.
Destilada nunha horta é unha larpeirada. E déixase subir e baixar e que a escancien grolo a grolo. A súa xeografía está feita de tempo.
Os máis atentos quererán lamber as súas cicatrices, seladas por horas de soedade e penumbra.
Música de latexo negro, é a terra que baila.
É jazz ilustrado, contrabaixo, sexo e saxo, con zonas de silencio, segredos e penumbras.
Unha Eva actual e antiga.
É linguaxe de alusións, abstracto e evocador, arcaico e melodioso.
Como un engado, amosa un triángulo de encaixe, tanga de carne moura sobre o que nace o rubí. O premio vermello.
Viaxar até a fin é atravesar o baleiro, a zona escura. Con todo, como é vida e orgánica, a rentes dela amañécese. Mais coido que só os valentes.

Mónica Sabbatiello

Enlaces relacionados


Foto © Xoan Piñón



Cámara Barroca (2010)

Cámara Barroca

"O verdín non perdoa"

Aínda que non é a primeira vez que mostro o interior da deteriorada Igrexa do Mosteiro de Sobrado dos Monxes (Mosteiro de Santa María de Sobrado); co gallo da inauguración da exposición fotográfica colectiva "Cámara Barroca", teño que insistir na necesidade urxente de restaurar esta impresionante xoia do Patrimonio Arquitectónico Galego.
Na fotografía amósase a grandiosidade e beleza do interior da igrexa. Iso si, o verdín non perdoa… a auga fíltrase facendo estragos entre as delicadas tallas dos mestres canteiros dándolles este irreal aspecto.
Cómpre que alguén en Bruxelas teña que dicilo?

Xoan Piñón




Datos da Exposición fotográfica colectiva "Cámara Barroca"
Exposición temática sobre o Barroco Galego.
Inauguración Xoves 9 de Setembro as 20h no Atrio de San Martiño Pinario (Santiago de Compostela)
Fotógrafos : Vari Caramés, José Caruncho, Xurxo Lobato, Tino Martínez, Eduardo Ochoa e Xoan Piñón.
Deseño da exposición/catálogo: Fernando Agrasar
Iniciativa e coordinación: Juanjo Molina, Eduardo Ochoa.
Dirección Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia.

Foto © Xoan Piñón