
Mente, corpo, materia, obxecto
Nin é un persoeiro, nin alguén famoso. Trátase sinxelamente da instantánea dun vello oleiro de Buño (Malpica de Bergantiños, A Coruña), un dos escasos enclaves artesáns que aínda sobreviven na Galiza, cun fío suxeito entre ambas as dúas mans remata con agarimo a peza sobre o torno, decorada xa con inequívoca tenrura.
Publicada en 1988 no número 0 de Artesán, revista editada pola Asociación Galega de Artesáns, esta imaxe reflicte a sutileza, o bo facer, a coincidencia entre corpo e mente, e ese sosego do artífice a propósito da rutina, ó que alude o sociólogo norteamericano Richard Sennett en O artesán.
A artesanía como actividade fundaméntase na habilidade, o xuízo, o compromiso e a experiencia. Aspectos que precisan tempo..., e un diálogo permanente cos distintos materiais e cos problemas e resistencias que eventualmente presente cada un deles. Sennett promove así a noción de disciplina, “non como algo imposto, senón como un símbolo que representa a forza psicolóxica que hai que ter para sobrevivir e que cristaliza no hábito e, polo tanto, na rutina”. Un termo que pode ser ¡vivo e rico, e non necesariamente pobre e aburrido como se pensa a miúdo! O concepto de oficio convértese así en algo que é necesario dominar para crer e respectarse a un mesmo.
O certo é que ao pouco que o observador enfoque a súa retina sobre a panca formada polas mans deste protagonista anónimo, o seu fío e a propia peza, mesmo poderá vela xirar paseniño, lenta, moi lentamente...; aínda que, cada vez, máis e máis rotunda, facendo bo o aserto de Sennett: “a artesanía responde a un impulso ético de facer ben as cousas que se consideran importantes...”.
Vontade intelixente, mans, ferramentas e a propia peza fúndense nese preciso instante, formando de feito unha soa entidade dificilmente disociable. Consecuentemente, o resultado só podería ser un obxecto sen dúbida xenuíno, aínda que froito de todo un acervo ancestral e dunha longa serie de reconfortantes rutinas...
Miguel Bertojo
Enlaces relacionados
Foto © Xoan Piñón
