N.H.U. Rock Progresivo


      En 1974 coñezo a N.H.U. nun directo (creo que no Pub Pop Pool de Santiago). O son era espectacular e a música soaba con forza e personalidade. Quedei sorprendido de que só houbera 30 ou 40 persoas escoitando algo tan extraordinario e experimental... Ao rematar o concerto, fun falar con eles para felicitalos e ofrecerme como guitarrista. Quedei ao día seguinte con Roberto Abal, líder e ideólogo do grupo para tratar dos temas e da forma de traballo de N.H.U.  Roberto era unha persoa xenial, entrañable e hospitalaria, que tiña o seu grande universo mental volcado no grupo... Falamos de temas relativos á liberación persoal a través da música e de espallar os contidos sen esperar nada a cambio. O grupo traballaba desinteresadamente e financiábase facendo algunha voda de cando en vez co nome de “Obradoiro”. Sen ninguna proba, ao día seguinte comenzariamos os ensaios.

     A formación nos anos 1974 e 1975 quedaría así : Roberto Abal (guitarra), Xoan Piñón (guitarra), Tino Grandío (baixo), Xurxo Pérez (órgano e voz) e Xosé Ferreiro Garea (batería, voz e frauta traveseira)


     A composición en N.H.U. partía libremente dos músicos e incorporábase -sen pasar ningún filtro- ao que chamabamos “A Obra”: unha sucesión dunha hora sen interrupcións cos seus movementos, coma se se tratase dunha sinfonía.

    As concesións eran escasas; non se presentaban os temas, nin os membros do grupo; tampouco se facían “bises”. Os momentos de comezo e final das partes alternábanse con espazos para a improvisación, onde te podías incorporar libremente. As harmonías -cunha tonalidade moi variable- eran froito da experiencia e investigación persoal. Os acordes -de estrutura jazzística- non tiñan nome, e as partituras -persoais- semellaban os símbolos utilizados na música contemporánea; marcando intensidades, sensacións e as indicacións do que compuña o tema. A música era complexa, pero fluía con precisión por mor da grande concentración coa que se traballaba, chegando moitas veces a una especie de “trance” no sentido máis místico. Certos códigos propios e unha alta dose de intuición entre os músicos eran o substituto dunha linguaxe musical normalizada. Creo que un concerto de N.H.U. non te deixaba indiferente; era unha central de enerxía musical.

     Ensaiabamos unha media de cinco horas diarias no primeiro andar dunha casa deshabitada e “ocupada” nas proximidades do Sanatorio Psiquiátrico de Conxo (Santiago) Escoitabamos -para falar de influencias- música moi variada dentro das vangardas da época: King Crimson, Frank Zappa, Mahavishnu Orchestra, Mark Almond, Pierre Henry, Soft Machine, Yes, etc. Nunca tivemos intencións de ser referencia galega ou español. N.H.U. traballaba xenerosamente; por necesidade de expresión e sen grandes ambicións.


     Toda a música de “A Obra” de N.H.U. era orixinal e composta polo grupo. Nunca quixemos traballar dun xeito “funcional”; isto é, dándolle o destino que as tendencias musicais demandaban. Iso falo porque o necesitas e listo. Se traballas presionado polo que "se leva”, sempre será “unha idea allea” da que ti te fas cómplice con todas as consecuencias éticas. Se tes algo que contar e sabes que á xente non lle interesa, a conciencia de cadaquén ten que marcar o camiño a seguir e -se estás disposto- terás que ir sorteando obstáculos sen ver horizonte. 


    O problema xorde cando o máis superficial ou a música baleira de contidos se utiliza para enriquecer á industria musical, interesada na inocencia e necesidade de expresión dos músicos; ocultando e dificultando o verdadeiro poder de manter a cultura que ten impresa a música no seu propio código xenético: a memoria. Unha información valiosísima que nos conta de onde vimos, como foi a historia, etc.

   O patrimonio musical -como o lingüístico ou arqueolóxico- debémolo coidar para coñecérmonos mellor.


   Xoan Piñón


Escoitar N.H.U. Rock Progresivo (Videos). Directo en Salón Teatro (1975)

http://gl.wikipedia.org/wiki/N._H._U.

6 comentarios:

cristina dijo...

que boa foto, Xoan, que novos!!
e xa ves, aí sigues, iso é!!!

unha aperta1!
cris

Unknown dijo...

Xoan... tiñas bigote e pelo?
Es un crack
Dende aquela cantas veces cortaches a uña do maimiña dereito?
Unha aperta alfonso

Mate Elsa 2ºB dijo...

Una preciosa historia de amor verdadero que, además, a los que te queremos nos ayuda a entenderte mejor y a quererte aún más.

Unknown dijo...

5Magnifico grupo y precios escrito Xoan , me maravilllo con tu creatividad

Anónimo dijo...

Marc Almond non comenza a ser coñecido , Softcell, nos primeiros 80 , ¿seguro que escoitabades a sua música nos 70?.

Unknown dijo...

si si escoitabamos a Mark-Almond (con K) ... ver info en : http://en.wikipedia.org/wiki/Mark-Almond