Polo corredor dun estudio de gravación de Madrid, onde Bernardo e mais eu estabamos a traballar no disco de Bibiano "Alcabre", apareceu un personaxe que dicía vender unha cámara desas que se mercaban en Londres en plan "choio"; tratábase da lexendaria lexendaria Nikkormat ... Eu, cos cartiños que tiña de facer a gravación para "Bibi", non o dubidei nin por un segundo. Tratábase dun cambio audiovisual perfecto!
Na volta para Galicia fixemos unha paradiña na vella estrada N-VI para probar a nova máquina, e aí retratei a Bernardo Martínez o meu coleguiña de sempre. Aínda que xa tiña practicado cos meus primeiros mestres, Joaquín Amestoy, Ángel Araujo e Suso Quiroga, foi a primeira foto do primeiro carrete da primeira cámara .
Desde o 77 ao 79 Bernardo participou nas gravacións pioneiras do cambio na música popular galega: "Fonte do araño", "Por que no mundo mengou a verdade", "Alcabre", "O son da estrela escura" ... Intérprete, compositor, arranxista e músico integral, móvese libremente no Jazz, Folk, Música Improvisada, Rock ...
Tratándose posiblemente do músico máis galardoado de Galicia é reticente a recoller e recoñecer honores. Amante do inmaterial e sedutor irremediable, Bernardo gusta da tranquilidade, aínda que a cabeciña non lle pare ...
No hay comentarios:
Publicar un comentario