Sempre sentín fascinación polas fotos de rodaxe que recollen momentos de pausa entre toma e toma. Nos instantes previos aos que se grita "acción", eses breves segundos nos que todo o equipo está en tensión, os actores están recollidos en si mesmos esperando, repasando internamente as frases que terán que interpretar a continuación ou simplemente mantendo a mente en branco para intentar relaxarse.
A foto mostra un deses momentos; pero xa se acaba de berrar “acción” e a cámara está rodando. O encadre recolle a Ada (Angelita Enríquez) que espera pensativa sentada perante a barra, acariñando o bordo da súa copa. Ao fondo vemos o decorado de El Continental, onde os figurantes bailan, deambulan ou sentan nas mesas. Aínda que Pincho (Jorge Sanz), á esquerda, espera inmóbil fóra de cadro a que lle toque entrar no plano; Ventura, no bordo dereito e case fóra da foto, encamíñase xa cara onde Ada.
O encadre panorámico da foto permítenos ver todo isto, pero axustémonos ao 1:85 que é o formato da película e teremos unha idea real do plano exacto: Ada co fondo dos figurantes do Continental, agardando…, quizás non a Ventura nin a Pincho senón a alguén a quen verdadeiramente amou e perdeu, noutrora, noutro lugar… Mais iso xa é outra película.
Enlaces relacionados